martes, 29 de decembro de 2020

ACTIVIDADES PARA O NADAL

Bo Nadal, miñas estreliñas!

Lembrades os primeiros días de setembro?, no medio da ledicia por volver a vernos, por volver á vosa aula, estaban as numerosas regras e normas do protocolo que os mestres vos íamos indicando, e vos fostes cumprindo cada unha delas (nova entrada con toma de temperatura e xel hidroalcólico, fila, manter distancia ocupar un espazo determinado no patio, permanecer só cos compañeiros da vosa aula, entrar na aula tamén mantendo a distancia, ocupar a vosa mesa e cadeira no lugar determinado por orde de lista, empregando só os vosos materiais, desinfectando mesas e todo o que usamos, ventás e porta aberta e o que peor levamos todos deste protocolo, sen apertas, sen sorrisos porque están agochados detrás das máscaras...seguro esquezo algunha norma máis) e ademais de todo iso levastes a cabo as tarefas encomendadas, rematando este trimestre con éxito.

Sodes un gran exemplo, ademais de recuperar os contidos do tempo de confinamento avanzamos, e case rematamos todo o que nos pertencía neste trimestre, e tamén aprendemos todos a celebrar as festas correspondentes dentro do protocolo, acadamos facer xogos divertidos no Magosto e un Nadal especial.

PARABÉNS!!

Agora, aínda que estamos en tempo de descanso, de estar coa familia e disfrutar dos xoguetes que vos deixou Papá Noel ou o Apalpador, o último día vimos e fixemos no encerado dixital unhas actividades, que compartiron nas redes outros mestres, que vos gustaron moito e prometín deixarvos aquí. 

Así que, se  toca estar moito na casa e queredes facer, coma noutras ocasións deixo unha imaxe na que ten puntos con actividades, a buscalos e disfrutar.

martes, 22 de decembro de 2020

TARXETA DIXITAL NADAL 2020

As nosas estreliñas participaron na creación da Tarxeta dixital para felicitar este Nadal tan especial, cos mellores desexos para que este ano remate con ben deixando atrás todo o malo e agardando un Aninovo cheo de ledicias, onde poidan volver os bicos e as apertas. MOI FELICES E BOAS FESTAS!!


TARXETA NADAL 2020 - Kizoa Movie Maker

martes, 8 de decembro de 2020

RECURSOS DE SÚPER GADOUPAS PARA O NADAL

Na seguinte imaxe, premendo nos botóns podedes atopar dsitinto tipo de tarefas sobre o Nadal. Que o pasedes xenial facendo, vendo e cantando.

venres, 27 de novembro de 2020

PREPARANDO O BAILE DE NADAL

Para que familias e estreliñas vaian practicando os pasos do baile, que entre o profesorado de E.F e Música están ensaiando co alumnado e tamén co resato da comunidade educativa, comparto o vídeo oficial da canción JERUSALEMA:

ARTS: TURKEY HAT TO THANKSGIVING

Esta semana as estreliñas e o alumnado de 1º realizaron un sombreiro pavo (Turkey hat) para celebrar o Día de Acción de Gracias (Thanksgiving)




mércores, 25 de novembro de 2020

25 DE NOVEMBRO: DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

Estes días algunhas das estreliñas participaron no programa de Radio Mende, nunha emisión especial, realizada entre toda a comunidade educativa do Centro. Aquí queda a nosa aportación a esta loita.


Ademais o alumnado de 1º e 2º de E.Primaria elaboraron un mural co lema "Nin unha máis, nin unha menos" e debuxos das mans onde expresaron as accións fermosas e boas que se poden facer coas mans, partindo da frase "Coas miñas mans podo..."






martes, 24 de novembro de 2020

SÚPER GADOUPAS O NOSO SÚPER HEROE

E por fin está rematada a presentación do Súper Heroe da aula das estreliñas, pouco a pouco iremos engadindo  novidades deste Súper Gadoupas que xurdiu con elementos aportados da imaxinación de cada unha das estreliñas.




venres, 20 de novembro de 2020

AS ESTRELIÑAS VOLVEN Á BIBLIOTECA

Este martes as estreliñas volveron á Biblioteca para facer uso do servizo de préstamo, e ademais, por fin, entregar unha versión súa do conto "Max e os superheroes" que traballaron na aula como introdución para traballar no proxecto deste curso "O alumnado de Mende anda na procura dunha patrulla de Súper Heroes", para a sección na Biblioteca "As nosas creacións" e celebrar así o día das Bibliotecas.



CONTOS POLA IGUALDADE

Para ir traballando o tema da igualdade loitando pola eliminación da violencia de xenero, quedan aquí tres contos, ademais para Radio Mende a comunidade educativa do Centro está elaborando unha serie de Podcasts: 



domingo, 15 de novembro de 2020

XOGOS MAGOSTO 2020

As estreliñas participaron o venres pasado na celebración dos xogos da castaña organizados no centro, polos profes de E.F., para os distintos niveis e etapas por quendas.
As esteliñas participaron na primeira quenda con catro xogos: A Castaña plantada, A Castaña sentada, Orizo e Carreira de sacos.
A continuación queda unha mostra:


Tamén participaron na elaboración das fichas dos xogos, para a creación dun libro que será depositado na Biblioteca na sección "As nosas creacións"